Chámanos !: 981.34.16.54 / 698.190.645
A militancia socialista de Fene cerra filas arredor da súa candidata á Alcaldía de Fene, Mar Piñeiro, e do seu equipo

A militancia socialista de Fene cerra filas arredor da súa candidata á Alcaldía de Fene, Mar Piñeiro, e do seu equipo

Fene, 23 de abril de 2019.- A sede da Agrupación Socialista de Fene acolleu onte o primeiro acto público da nova candidatura ás eleccións municipais cun encontro coa militancia. Mar Piñeiro, candidata á Alcaldía do Concello de Fene, agradeceu aos afiliados a confianza que depositan nela e no seu equipo co que concorre ás municipais e comprometeuse a traballar arreo por conseguir os mellores resultados para o socialismo fenés nas próximas eleccións.

Piñeiro adiantou que será un traballo arduo e de longo percorrido e pediu o apoio a toda a militancia para sumar forzas entre todos. A candidata animou a todos os afiliados a comprometerse nesta nova andaina para “facer un Concello para todas as persoas”. “Gústame moito escoitar e estou aberta a considerar todas as propostas que cheguen, tanto da militancia como de todos os veciños, sexan ou non socialistas porque cando sexa alcaldesa gobernarei para todos e todas sen sectarismos”, declarou. Mar Piñeiro confesou que a intención deste novo equipo é crear un proxecto realista, non vagas promesas senón propostas claras que se poidan levar a cabo, con información e transparencia na nova xestión municipal.

A candidata insistiu en que o seu proxecto será crear un Concello para as persoas, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables como son a infancia e os maiores. Tamén incidiu na importancia do emprego para fixar poboación en Fene e adiantou políticas de emprego neste sentido.

No marco deste encontro, organizado pola Comisión Executiva Municipal, o secretario Xeral do PSdG-PSOE de Fene, Carlos Romero, informou a todos os asistentes das diversas actividades iniciadas arredor da candidatura e animou tamén á militancia a implicarse activamente no proxecto. Os asistentes declararon o seu total apoio e parabenizáronse pola listaxe coa que concorren os socialistas ás eleccións municipais. Así mesmo, destacaron a boa combinación de xuventude e experiencia que fai deste equipo a mellor proposta, con persoas comprometidas, ilusionadas e moi formadas, para gobernar o Concello de Fene.

Cerrar menú