En este momento estás viendo A Agrupación Socialista de Fene homenaxea ao alcalde Ramón Souto no 90 aniversario do seu fusilamento

A Agrupación Socialista de Fene homenaxea ao alcalde Ramón Souto no 90 aniversario do seu fusilamento

  • Autor de la entrada:
  • Categoría de la entrada:Novas

A Agrupación Socialista de Fene celebrou este domingo unha homenaxe a Ramón Souto, alcalde do concello fusilado pola ditadura franquista o 16 de agosto de 1936, cando se cumpren 90 anos do seu asasinato.

 

O acto, celebrado no Monumento á Memoria de San Valentín, reuniu a militantes, simpatizantes, representantes socialistas e persoas comprometidas coa defensa da memoria democrática, entre as que estaba o secretario comarcal do PSdG-PSOE, Sergio Saavedra, e Fernando Ocampo da Asociación Memoria Histórica Democrática. Ademais, acudiron familiares de Ramón Souto, aos que a Agrupación Socialista quixo trasladar un agradecemento especial pola súa presenza e por manter viva a lembranza da súa figura.

 

Durante a intervención institucional, a secretaria xeral da Agrupación Socialista de Fene, María Ares, reivindicou a figura de Ramón Souto non só como vítima da represión franquista, senón tamén como exemplo de servidor público comprometido coa sociedade e co progreso do seu pobo.

 

“Ramón Souto entendeu a política como unha ferramenta para mellorar a vida das persoas e exerceu as súas responsabilidades desde a honestidade, a entrega e a defensa dos valores democráticos”, destacou.

 

A homenaxe serviu tamén para reivindicar o papel da política como instrumento de transformación social e para lembrar que moitos dos dereitos e liberdades dos que goza hoxe a cidadanía son froito do esforzo e do sacrificio de xeracións que loitaron por unha sociedade máis libre, máis xusta e máis igualitaria.

 

A Agrupación Socialista de Fene advertiu igualmente dos riscos que supoñen os discursos que pretenden banalizar a ditadura franquista ou cuestionar os avances democráticos acadados durante as últimas décadas. Neste sentido, subliñouse que a memoria democrática continúa sendo unha ferramenta imprescindible para preservar os valores de convivencia, liberdade e respecto sobre os que se asenta a democracia.

 

Ao longo do acto lembrouse que “lembrar non é abrir feridas, senón aprender, comprender e defender a verdade fronte ao esquecemento e fronte a quen pretende reescribir a historia”.

 

A Agrupación Socialista de Fene fixo ademais un chamamento ao compromiso cidadán e á participación na vida pública, tomando a figura de Ramón Souto como exemplo de coherencia, valentía e defensa dos seus ideais.