- Os socialistas lembran que o proxecto de facer unha pasarela sobre a vía do tren na parroquia de Perlío naceu durante a alcaldía de Iván Puentes e lamentan que a falta de impulso dos gobernos do BNG provocase máis dunha década de atraso.
O Grupo Municipal Socialista de Fene apoiou no pleno deste xoves a aprobación do convenio entre o Concello e ADIF para executar a nova conexión peonil entre dúas zonas de Perlío, unha actuación que considera “necesaria e moi positiva para a seguridade dos veciños e veciñas que cruzan a diario sobre as vías do tren”.
Os socialistas congratúlanse de que o actual goberno municipal de BNG e Esquerda Unida faga finalmente súa unha iniciativa impulsada polo PSOE hai máis de quince anos. O proxecto foi promovido durante a alcaldía de Iván Puentes, cando se iniciaron as negociacións con ADIF en 2008 e se asinou un primeiro convenio en 2010.
Desde o Grupo Socialista lamentan que a falta de continuidade e de impulso dos sucesivos gobernos municipais provocase a caducidade daquel acordo, obrigando a reiniciar toda a tramitación administrativa e atrasando durante anos unha infraestrutura moi demandada para vertebrar a parroquia de Perlío dividida pola vía do tren. “O importante é que agora se dea o paso definitivo e que esta actuación se execute canto antes”, sinalou a voceira municipal, María Ares.
