A Corporación Municipal de Fene rendeu homenaxe ao Goberno local fenés presidido polo socialista Ramón José Souto González, derradeiro alcalde republicano asasinado polos fascistas en 1936.
O acto tivo lugar no salón de Plenos da Casa do Concello situado na praza que leva o nome de Ramón José Souto González desde 2017. Ramón Souto tomou posesión como alcalde o 13 de xuño de 1936 e foi asasinado, xunto a outros membros da súa corporación, o 16 de agosto de 1936 polos fascistas que deron o golpe de estado contra o estado republicano vixente.
Foron represaliados Ramón José Souto González, mais tamén José Pita Cortés, José Agrás Gómez, alcaldes de Fene. Robustiano Varela Grande, Andrés Iglesias Garrote, Ángel Nicanor González Fontela, Juan Vila Anca, José García Feal, Juan Teijeiro Lourido, Lisardo Gómez, Eladio Ballester Barros, Eugenio Casal Pita, José Pita Pita, Jesús Cernadas Veloso, Eduardo Barcia Rodríguez e Enrique Garabana Picos, concelleiros legal e democraticamente elixidos polos veciños e veciñas de Fene e José Tenreiro Prim, secretario municipal.
Ao acto asistiron representantes de todos os partidos da Corporación local, entre os que estaban María Ares e Eloy Rico en nome do PSOE, así como militantes do partido socialista, veciños e veciñas de Fene e familiares de Ramón Souto.