En este momento estás viendo A deputada provincial de Mar, Cristina Capelán, visita a Confraría de Pescadores de Barallobre
Cofradia

A deputada provincial de Mar, Cristina Capelán, visita a Confraría de Pescadores de Barallobre

  • Autor de la entrada:
  • Categoría de la entrada:Novas

Cristina Capelán Cancelo, deputada provincial e presidenta da comisión de Sectores Produtivos: Mar e Medio Rural, visitou esta mañá a Confraría de Pescadores de Barallobre onde foi recibida polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, o patrón Maior da Confraría, Jorge López Pena, e os concelleiros do PSOE, Joaquín Ayala e María Ares, así como por Tamara Tilve, xerenta de GALP Golfo Ártabro Norte, entre outras persoas.

O patrón Maior amosou aos asistentes as instalacións da Confraría e foi explicando as diversas especies produtivas ás que se dedican que van desde a ostra, a ameixa ou o carneiro, ademais de zamburiñas e vieiras, entre outras. A actividade da Confraría abrangue tanto a extracción de marisco como a súa comercialización ao por maior e menor cun alcance nacional e mesmo internacional xa que exportan a Italia moito do seu produto.

A Deputación da Coruña aportou á Confraría de Barallobre 19.000 euros de axuda para comercializar e promocionar o marisco que recollen o centenar de persoas que traballan nesta Confraría. Jorge López lamentou que se tivese que pechar recentemente a extracción de zamburiña na ría de Ferrol por un exceso de auga doce, unha decisión que foi tomada conxuntamente coas confrarías de Mugardos e Ferrol. Así mesmo, indicou que o principal problema que sofre esta ría é a alta mortandade de marisco e demandou ás autoridades presentes a realización dun estudo rigoroso para coñecer o estado da ría e poder aplicar medidas correctoras.

A Confraría de Barallobre é cada vez máis recoñecida pola calidade do seu produto, que están a promocionar en diversos foros gastronómicos e feiras do sector a nivel nacional. Este ano celebrarán o seu centenario cun evento gastronómico e lúdico que terá lugar no mes de agosto.