En este momento estás viendo A Agrupación Socialista de Fene acada dúas Secretarías na Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE
Agrupación Socialista de Fene no V Congreso provincial PSdG

A Agrupación Socialista de Fene acada dúas Secretarías na Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE

  • Autor de la entrada:
  • Categoría de la entrada:Novas

O pasado domingo celebrouse en Santiago o 5° Congreso Provincial do PSdeG-PSOE no que saíu proclamado Bernardo Fernández Piñeiro como secretario Xeral Provincial. Así mesmo, na candidatura da Executiva Provincial saíron elixidos os compañeiros da Agrupación Socialista de Fene María Ares, coa Secretaría de Universidade e Ciencia, e Eloy Carbón, coa Secretaría de Movementos LGTBI.

Por outra banda, na lista ao Comité Provincial saíron tamén escollidos dous representantes da Agrupación de Fene, Rosa Romero e José Rico.

Ao acto asistiu tamén o secretario Xeral do partido en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro quen reivindicou ao PSdeG como única alternativa real ao modelo insolidario da dereita e animou a construír alternativas fortes en toda a provincia. “Temos que levantar a cabeza, dicir con orgullo que somos socialistas, que temos un modelo que funciona e que queremos gobernar para transformar”, engadiu Besteiro.

Pola súa banda, o recentemente reelixido secretario xeral Provincial declarou que “asumo esta responsabilidade coa mesma humildade, ilusión e compromiso que hai tres anos”, e destacou que o obxectivo fundamental do partido non é só gañar eleccións, senón tamén “traballar pola sociedade, garantir dereitos e liberdades e facer de Galicia un lugar máis xusto e igualitario”.

No marco do congreso, o PSdeG reafirmou a súa vontade de reforzar a acción política no territorio e preparar as próximas citas electorais, con especial atención á consolidación da Deputación da Coruña, ao incremento do número de alcaldías e á chegada de José Ramón Gómez Besteiro á presidencia da Xunta.

O lema escollido, “Escoitar, traballar, gañar”, foi definido polo secretario xeral provincial como representativo da esencia da política socialista, baseada na proximidade e no diálogo coa cidadanía: “escoitar á cidadanía, é a mellor garantía de acerto nas decisións que tomamos día a día”.

Bernardo Fernández fixo un chamamento á militancia para “escoitar e traballar en cada concello para gañar máis alcaldías” e consolidar o PSdeG como “primeira forza do municipalismo galego”. Reivindicou o papel do municipalismo como eixe fundamental da acción política do PSOE. Fernández destacou a fortaleza do partido a nivel local, agradecendo o labor de alcaldes, alcaldesas e tamén dos que traballan desde a oposición: “sen militancia, un partido non é máis que unhas siglas”.

A nova executiva provincial presentada está composta por 64 persoas, das cales 40 son novas incorporacións, sumando así renovación e experiencia.

Na foto, desde a esquerda: Rosa Romero, Eloy Carbón, María Ares e José Rico