En este momento estás viendo A Agrupación Socialista de Fene elixe nova Executiva con María Ares como Secretaria Xeral

A Agrupación Socialista de Fene elixe nova Executiva con María Ares como Secretaria Xeral

  • Autor de la entrada:
  • Categoría de la entrada:Novas

A Agrupación do PSOE de Fene ten nova Executiva logo da asemblea celebrada na súa sede o pasado venres. Cunha única candidatura presentada, a listaxe de María Ares Sanmartín foi proclamada por aclamación de todas as persoas asistentes.

A Executiva queda composta desta maneira:

  • Secretaría Xeral, María Ares Sanmartín
  • Secretaría de Organización e Acción Electoral, José Rico Rodríguez
  • Secretaría de Política Municipal, Rosa Romero Castro
  • Secretaría de Xuventude, Redes Sociais e área de Formación, Eloy Carbón Rodríguez
  • Secretaría de Igualdade e Relacións coa Militancia, María Díaz Jove

Así mesmo, como presidente honorífico, elixiuse a Francisco Meizoso Calvo.

Esta Executiva vén tomar o relevo da encabezada por Joaquín Ayala Garrido. No transcurso da asemblea todos os asistentes destacaron o traballo realizado por Ayala á fronte da Agrupación de Fene que foi despedido cunha longa ovación.

No seu discurso de presentación da nova proposta de candidatura, María Ares argumentou os tres retos aos que se enfronta esta nova Executiva. En primeiro lugar, consolidar o traballo realizado por Joaquín Ayala no seu cargo de Secretario Xeral. En segundo lugar, dinamizar a Agrupación para que a sede socialista sexa punto de encontro e referencia do socialismo fenés e, por último, incorporar militancia e espertar as simpatías do pobo fenés cara ao proxecto socialista.

Ares destacou que este é un traballo conxunto de toda a militancia fenesa, non só da nova executiva, e animou á agrupación a implicarse e participar activamente nesta nova etapa.

María Ares convértese na primeira muller en ocupar o posto de Secretaria Xeral da Agrupación de Fene nos preto de cincuenta anos de historia do grupo socialista fenés.

Representantes nos órganos do partido

Ademais da nova Executiva, na asemblea extraordinaria do venres elixíronse os delegados ao Comité Nacional e ao Comité Provincial Socialistas. Para o Comité Nacional propúxose a María Ares, mentres que para o Provincial elixiuse a Eloy Rico, María Díaz Jove e Francisco Meizoso. A Agrupación Socialista de Fene conta en total con dous representantes no Comité Nacional: Joaquín Ayala, elixido no 15º Congreso Nacional mais María Ares, elixida na Asemblea do venres.

No Comité Provincial, Fene ten sete delegados. Aos elixidos este venres súmanse María Ares e Eloy Carbón, pertencentes á Executiva Provincial, e Rosa Romero e José Rico, elixidos no 5º Congreso Provincial.

Foto: Desde a esquerda, Rosa Romero, Eloy Carbón, María Díaz, María Ares, Francisco Meizoso e José Rico.