A Agrupación Socialista de Fene celebrou este sábado, 16 de agosto, un acto de homenaxe ao socialista Ramón Souto González, último alcalde republicano do municipio, asasinado polos golpistas tras o levantamento militar de 1936. O encontro tivo lugar no Monumento á Memoria, en San Valentín, e reuniu a arredor de cincuenta persoas, entre elas familiares do homenaxeado, militantes de distintas agrupacións da comarca e representantes políticos e sociais.
Entre os asistentes estiveron o deputado no Parlamento de Galicia Julio Abalde, o coordinador comarcal do PSdeG-PSOE, Sergio Saavedra, e o representante da Asociación Memoria Histórica Democrática Fernando Ocampo.
No seu discurso, a secretaria xeral da agrupación de Fene, María Ares, agradeceu a presenza “neste día de verán complicado, no que sei que moitas e moitos facedes un esforzo por estar aquí, especialmente a familia de Ramón Souto, que comparte con nós a lembranza dun home que entregou a súa vida ao servizo público e á causa da liberdade”.
A dirixente socialista destacou a vixencia dos valores de militancia e compromiso que representou Souto. “A militancia socialista nace do corazón e da convicción, non da comodidade nin do interese persoal. É o compromiso de quen sabe que a liberdade e a xustiza social se constrúen cada día, con traballo, valentía e coherencia”, afirmou.
Tamén fixo referencia ao nacemento do PSOE en Ferrol da man de Pablo Iglesias, para subliñar a continuidade histórica do partido. “Desde aquelas primeiras reivindicacións obreiras ata as batallas de hoxe, o noso propósito segue intacto: defender os dereitos dos traballadores e das traballadoras, dar voz a quen é silenciado e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria para todas e todos”, declarou.
O acto, sinxelo pero emotivo, concluíu cun recordo colectivo a Ramón Souto e a todos os concelleiros e veciños represaliados pola ditadura. “A memoria é tamén un acto de xustiza, e mentres a manteñamos viva, ninguén poderá borrar o que representaron”, proclamou a secretaria xeral, antes de lembrar unha das frases máis coñecidas de Pablo Iglesias: “Non somos socialistas para vivir mellor, senón para que todos e todas vivan mellor”.
Foto: Desde a esquerda, Fernando Ocampo, da Asociación Memoria Histórica Democrática, Julio Abalde, deputado no Parlamento de Galicia, familiares de Ramón Souto, María Ares, secretaria Xeral da Agrupación Socialista de Fene, José Rico, secretario de Organización e Acción Electoral de Fene, e Sergio Saavedra, coordinador comarcal do PSdG-PSOE.
