O Grupo Municipal Socialista manifesta a súa fonda preocupación pola crecente sensación de inseguridade no concello de Fene, agravada pola alarmante falta de efectivos da Policía Local e pola incapacidade do goberno municipal (BNG e EU) para garantir un servizo básico de protección veciñal.
A día de hoxe, Fene conta unicamente con nove axentes operativos dun plantel de persoal de catorce, situación que impide cubrir o servizo con normalidade desde hai un ano, segundo aseguran os propios axentes de policía local. Non hai presenza policial nin nas noites, nin nas fins de semana e mesmo quedan sen cubrir días de semana. En ocasións, a veciñanza viuse atendida por patrullas unipersoais, unha práctica que compromete tanto a seguridade cidadá coma a dos propios axentes.
Esta falta de planificación e de xestión por parte do executivo local coincide cun incremento de roubos nos comercios da vila: dous nas últimas semanas, un deles a plena luz do día. Un síntoma evidente de que Fene precisa reforzar con urxencia os seus recursos de seguridade.
Desde o Grupo Municipal Socialista consideramos incomprensible que o goberno de BNG e EU minimice esta situación e insista en que “o plantel está ben dimensionado”, cando é evidente que non se pode cubrir o servizo nin con regularidade nin con garantías.
Por todo isto, o PSOE de Fene solicitará ao Goberno local no Pleno que se celebra este xoves, unha resposta inmediata a esta problemática policial en Fene e a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade, para analizar a situación actual, coordinar actuacións e establecer medidas efectivas que devolvan tranquilidade á veciñanza e ao sector comercial.
O Grupo Municipal Socialista insta ao goberno de Fene a asumir a súa responsabilidade, cumprir cos compromisos adquiridos cos axentes e garantir unha xestión eficaz que evite que o noso concello continúe nunha situación de vulnerabilidade e desprotección.
