A iniciativa socialista para reforzar a protección das mulleres e a loita contra a violencia de xénero foi aprobada no Pleno Municipal co apoio de PSOE, PP e EU, e a abstención do BNG.
O Grupo Municipal Socialista de Fene logrou sacar adiante no pleno do Concello que tivo lugar na tarde de onte unha moción para impulsar a creación dun Centro de Información á Muller (CIM)de titularidade municipal e a adhesión do Concello ao Sistema de Seguimento Integral en casos de Violencia de Xénero (VioGén). A proposta foi aprobada cos votos favorables do PSOE, PP e EU, mentres que o BNG optou pola abstención.
Desde o grupo socialista sinalan que esta iniciativa supón “un paso importante para reforzar a protección das mulleres no noso concello e para avanzar cara a unha igualdade real e efectiva”.
A moción, presentada con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, pon o foco na necesidade de seguir combatendo a violencia machista como unha das expresións máis graves da desigualdade. Neste sentido, o PSdeG-PSOEde Fene lembra que “a violencia de xénero segue a ser unha realidade presente na nosa sociedade e tamén se dá en concellos como o noso, polo que é imprescindible contar con recursos públicos próximos e especializados”.
Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello de Fene recibiu desde o ano 2018 máis de 54.000 euros procedentes do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, impulsado polo Ministerio de Igualdade, uns fondos destinados a apoiar actuacións municipais de prevención, sensibilización e atención ás vítimas.
Un dos eixos da moción aprobada é a creación dun Centro de Información á Muller (CIM) en Fene. Estes centros ofrecen asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación sociolaboral e acompañamento ás mulleres, especialmente ás que se atopan en situación de vulnerabilidade ou son vítimas de violencia de xénero.
Para o grupo socialista, “un concello como Fene, con máis de 12.000 habitantes, debe contar cun recurso propio destas características que garanta unha atención profesional, próxima e accesible ás veciñas”.
Outro dos puntos clave da moción é a adhesión do Concello ao sistema VioGén, unha ferramenta de coordinación do Estado que permite mellorar a protección das vítimas de violencia de xénero a través do intercambio de información e do seguimento dos casos entre administracións e forzas e corpos de seguridade.
Desde o PSdeG-PSOE de Fene consideran que “a combinación dun CIM acreditado e a adhesión ao sistema VioGén supón unha resposta municipal seria, coordinada e eficaz para avanzar na protección municipal seria, coordinada e eficaz para avanzar na protección das mulleres e na prevención da violencia machista”.
A moción tamén recolle a posta en marcha dunha campaña municipal de sensibilización e información para dar a coñecer os recursos existentes e reforzar a prevención da violencia de xénero entre a cidadanía.
