En este momento estás viendo O PSOE acada un acordo co goberno municipal para desbloquear por fin o futuro urbanístico de Fene

O PSOE acada un acordo co goberno municipal para desbloquear por fin o futuro urbanístico de Fene

  • Autor de la entrada:
  • Categoría de la entrada:Novas
  • O Grupo Municipal Socialista de Fene permitiu sacar adiante as contas municipais logo de alcanzar un acordo co goberno local de BNG e EU que inclúe a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), medidas para mellorar o aparcamento no casco urbano e o impulso a iniciativas sociais, culturais e de mellora de espazos públicos.
  • Grazas a este acordo impulsado polo PSOE, o Concello iniciará a revisión do PXOM vixente, un planeamento que actualmente limita a construción de vivenda en Fene e que está a provocar que numerosos veciños e veciñas teñan que trasladarse a outros concellos ante a falta de oferta residencial no municipio.

 

O Grupo Municipal Socialista de Fene facilitou coa súa abstención a aprobación dos orzamentos municipais para o ano 2026, que se levaron a Pleno o luns, 16 de marzo, tras alcanzar un acordo co goberno local formado por BNG e EU, que incorpora unha serie de compromisos incluídos nas contas municipais.

O punto máis destacado do acordo é a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Fene, unha demanda que o PSOE considera clave para garantir o futuro do municipio. O pacto establece un cronograma claro, con prazos definidos e dotación económica específica a cada prazo para iniciar o proceso de actualización do planeamento urbanístico. O calendario comezará este mesmo ano coa licitación da redacción da revisión do PXOM. A partir dese momento establécese un prazo máximo de 25 meses para a presentación do novo documento.

O actual PXOM de Fene foi aprobado en 2003. Desde entón só se realizaron modificacións parciais e puntuais que non resolveron o principal problema urbanístico do municipio que é a falta de vivenda. Esta situación provoca que numerosos veciños e veciñas teñan que marchar de Fene ante a inexistencia de vivenda.

O acordo tamén permitirá avanzar na solución de demandas veciñais recorrentes, como o problema de aparcamento na avenida Naturais. O PSOE de Fene xa presentara unha moción no pleno de maio de 2024, aprobada por unanimidade, para tratar esta cuestión, sen que ata o momento se executasen medidas por parte do goberno municipal.

Ao abeiro deste novo acordo ampliarase a zona azul e instalaranse parquímetros gratuitos para controlar os tempos de estacionamento. Ademais, crearase unha zona verde destinada a residentes e habilitaranse aparcadoiros disuasorios nas inmediacións da avenida Naturais. O pacto tamén recolle a necesidade de actuar na avenida de Conces para mellorar a situación do estacionamento no casco urbano.

Entre os compromisos incluídos nas contas municipais figura tamén o apoio a colectivos sociais e culturais de relevancia como ASPANEPS, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Fundación Amigos de Galicia e o Perla Mural Fest.

 

Así mesmo, crearase un parque biosaudable de uso público e especialmente pensado para as persoas usuarias de ASPANEPS, que actualmente non contan con espazos adecuados para o desenvolvemento de actividades físicas e lúdicas ao aire libre.

O acordo contempla ademais o acondicionamento do camiño do Piñal e a reparación das beirarrúas da avenida Naturais. Finalmente, o goberno municipal comprométese tamén a levar a pleno as ordenanzas municipais de tráfico e do cemiterio, reclamadas desde hai tempo.