En este momento estás viendo O PSOE de Fene esixe un plan urxente de reparación de estradas e melloras nos parques municipais

O PSOE de Fene esixe un plan urxente de reparación de estradas e melloras nos parques municipais

  • Autor de la entrada:
  • Categoría de la entrada:Novas

O Grupo Municipal Socialista de Fene reclamou no Pleno do Concello, que tivo lugar onte á tarde, que o goberno local, formado por BNG e EU, poña en marcha un plan integral de reparación de estradas que dea resposta ás necesidades reais da veciñanza. Os socialistas sinalaron o mal estado de múltiples vías municipais e demandan unha planificación clara que inclúa actuacións prioritarias en puntos como a estrada da Brea, Barallobre ou as rúas Lagarteira e Covelo, en Sillobre, entre outras.

Os socialistas subliñan que se trata de infraestruturas que presentan un deterioro evidente e que requiren unha intervención urxente, recollendo así as queixas e peticións trasladadas polos veciños e veciñas destas zonas.

Durante a mesma sesión plenaria, a voceira socialista, María Ares, solicitou tamén a revisión do estado dos parques municipais ante a chegada do bo tempo, unha época na que aumenta o seu uso por parte das familias. Neste sentido, advertiu do estado de deterioro de espazos como o parque liñal do Río Cádavo e o parque Castelao, para os que pediu actuacións de mellora e acondicionamento de cara á primavera.

Ademais, o grupo municipal socialista reclama información sobre a situación das obras da praza do Ameneiral (praza Verde), en Perlío, que permanece valada sen que se iniciase ningún tipo de actuación, o que xera incerteza entre a veciñanza.

Desde o PSOE de Fene insistimos na necesidade de que o goberno local actúe con maior planificación e dilixencia para atender demandas básicas do municipio e garantir uns servizos e espazos públicos en condicións axeitadas.