María Ares, concelleira socialista na Corporación fenesa, asistiu o pasado sábado á xornada “O potencial no crecemento económico e social do territorio. Diversificación cara a unha economía azul”, organizadas por GALP Golfo Ártabro no local de restauración La Parda na Coruña.
A xornada estaba dirixida a todas as confrarías de pescadores, entidades asociadas e persoas interesadas no sector pesqueiro para intercambiar experiencias e aproveitar as oportunidades da “economía azul” de cara á próxima convocatoria de axudas FEMPA 2025.
O evento foi inaugurado polo conselleiro de Mar, Alfonso Villares Bermúdez, quen abriu unha xornada que contou coa participación de diversos relatores relacionados co tema. Entre eles, estaba o patrón Maior da Confraría de Barallobre, Jorge López, quen deu conta dalgunhas das numerosas iniciativas que están a desenvolver na confraría fenesa para dar a coñecer o produto da zona por toda España.
O acto rematou coa intervención do presidente do GALP, José Antonio Anido Núñez.
Foto: María Ares co patrón da Confraría de Barallobre, Jorge López, e a deputada provincial Cristina Capelán