O salón de plenos acolleu o acto de entrega da maleta viaxeira contra a violencia de xénero, Mavi, que entregou a subdelegada do Goberno na Coruña, a socialista María Rivas.
A maleta viaxeira é unha forma simbólica de facer pedagoxía contra a violencia de xénero. Trae consigo libros de ficción e de non ficción sobre a situación actual das mulleres e materiais de uso didáctico. A súa intención, segundo declarou a subdelegada do Goberno na Coruña, a socialista María Rivas, é concienciar á xente desta problemática transversal a toda a sociedade. Aínda que é unha iniciativa modesta, todo suma na loita contra a violencia de xénero e contribúe a formar e informar sobre esta temática.
Esta maleta estará no Concello durante tres meses. A subdelegada animou ao goberno municipal a facer uso dela rotándoa polas diversas entidades do concello. A Subdelegación do Goberno ten en circulación cinco maletas viaxeiras como esta por toda a provincia.
A subdelegada do Goberno foi recibida no salón de plenos do Concello por membros da Corporación municipal, encabezada polo seu alcalde, Juventino Trigo. Por parte do PSOE asistiron os concelleiros María Ares e Eloy Rico.