En este momento estás viendo Acto de homenaxe do socialismo ao último alcalde republicano de Fene

Acto de homenaxe do socialismo ao último alcalde republicano de Fene

  • Autor de la entrada:
  • Categoría de la entrada:Novas

A Agrupación Socialista de Fene organizou o pasado venres, 16 de agosto de 2024, un acto de recordo do último alcalde republicano, o socialista Ramón José Souto González, fusilado polo franquismo o 16 de agosto de 1936. Xunto con el lembrouse ao resto daquela Corporación municipal represaliada así como a todas as persoas que os fascistas asasinaron pola súa defensa da liberdade e da democracia.

O acto de homenaxe tivo lugar no Monolito á Memoria ubicado no Paseo de San Valentín e contou coa presenza do secretario Xeral da Agrupación Socialista de Fene, Joaquín Ayala; o secretario Xeral da provincia da Coruña, o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández; e o deputado autonómico, o ex reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, ademais doutros militantes de Fene e de diversos concellos da comarca.

Así mesmo, asistiron Antonio Seijo Souto e Blanca Seijo Souto, sobriños netos de Ramón José Souto González. 

Ramón Souto González naceu en 1900 na Pobra do Caramiñal. Trasladouse a Fene onde traballou como carpinteiro en Perlío. Membro da UGT de Fene, foi un dos fundadores da Agrupación Socialista fenesa no ano 1932. Foi candidato do PSOE pola Coruña nas eleccións xerais de 1933, sen resultar elixido. Concelleiro da Corporación de Fene exerceu de alcalde desde xuño de 1936 ao substituír a José Pita Cortés, que dimitira por razóns de saúde. Detido polos franquistas na Casa do Concello o 1 de agosto de 1936, xunto con outros membros da Corporación: Andrés Iglesias, Juan Sánchez, Francisco e Eduardo Barcia e o secretario municipal, Jesús Tenreiro, foi fusilado en Ferrol o 16 de agosto dese ano.