A Agrupación Socialista de Fene prepara para este venres un acto de recordo do último alcalde republicano, o socialista Ramón José Souto González, fusilado polo franquismo o 16 de agosto de 1936.
O acto de homenaxe terá lugar no Monolito á Memoria ubicado no Paseo de San Valentín este venres, 16 de agosto, ás 13:00 horas e contará coa presenza do secretario Xeral da Agrupación Socialista de Fene, Joaquín Ayala; o secretario Xeral da provincia da Coruña, o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández; e o deputado autonómico, o ex reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, ademais doutros militantes de Fene e da comarca.
Así mesmo, asistirán Antonio Seijo Souto e Blanca Seijo Souto, sobriños netos de Ramón José Souto González.
Posteriormente á ofrenda floral, haberá un xantar de confraternización dos socialistas nas instalacións do CCRD Perlío.
Ramón Souto González naceu en 1900 na Pobra do Caramiñal. Trasladouse a Fene onde traballou como carpinteiro en Perlío. Membro da UGT de Fene, foi un dos fundadores da Agrupación Socialista fenesa no ano 1932. Foi candidato do PSOE pola Coruña nas eleccións xerais de 1933, sen resultar elixido. Concelleiro da Corporación de Fene exerceu de alcalde desde xuño de 1936 ao substituír a José Pita Cortés, que dimitira por razóns de saúde. Detido polos franquistas na Casa do Concello o 1 de agosto de 1936, xunto con outros membros da Corporación: Andrés Iglesias, Juan Sánchez, Francisco e Eduardo Barcia e o secretario municipal, Jesús Tenreiro, foi fusilado en Ferrol o 16 de agosto dese ano.