O Grupo Municipal do PSOE de Fene, así como varios membros da Comisión Executiva da Agrupación Socialista local, reuníronse este martes con Jesús Ares, José Manuel Fernandez, Manuel Rodríguez e Ramón Fernandez, representantes da Agrupación Veciñal de Urbanismo de Fene. Nesta reunión, o voceiro socialista no Concello de Fene, Joaquín Ayala, reiterou o compromiso do partido ao que representa coa revisión total do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) fenés.
Ayala lembrou neste encontro a petición realizada polo grupo municipal socialista no Pleno do pasado mes de xuño en que reclamou ao goberno fenés de BNG e EU a urxente revisión do PXOM sendo este un dos principais problemas deste concello que lastra o seu desenvolvemento e que está a provocar así mesmo diminución de habitantes. O voceiro socialista sinalou así mesmo a insistencia do seu partido nesta reclamación efectuada en diversos medios.
O vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal de Fene foi aprobado en 1975, revisado posteriormente nos anos 1985 e 2002, sen que desde entón se fixese máis que revisións parciais e puntuais que non solucionan o problema de parálise que, segundo asegurou o voceiro do Grupo Municipal Socialista, afecta ao sector da construción na área fenesa.
Joaquín Ayala interveu no pasado pleno municipal do mes de xuño para instar ao goberno do BNG e EU a que poña en marcha de forma urxente a revisión do PXOM, tal e como se comprometeron todas as candidaturas na campaña electoral das pasadas eleccións municipais. Transcorrido máis dun ano desde entón, o PSOE considera que xa houbo tempo suficiente para cumprir co prometido e así llo demandou ao goberno local.
O concello de Fene ten no seu PXOM unhas áreas definidas como APEs, que abranguen máis de 380.000 metros cadrados, que son as que están cercenando as posibilidades de crecemento e de desenvolvemento do municipio e que está a provocar que moita xente nova teña que irse a vivir a concellos limítrofes pola escaseza de vivendas en Fene.
Foto: Imaxe da reunión mantida na sede socialista fenesa entre os representantes da Agrupación Veciñal de Urbanismo e membros do PSOE de Fene.