En este momento estás viendo O PSOE de Fene rexeita que o goberno local diminúa o orzamento da partida de seguridade
Concello Fene

O PSOE de Fene rexeita que o goberno local diminúa o orzamento da partida de seguridade

  • Autor de la entrada:
  • Categoría de la entrada:Novas

O Grupo Municipal Socialista de Fene cuestionou no Pleno deste mes de xullo a proposta do goberno de BNG e EU de transferir preto de 35.000 euros da partida de seguridade para destinalos a pagos de gasto corrente. O voceiro socialista, Joaquín Ayala, alegou que ten coñecemento de que o plantel da policía local está mermado e necesitado de máis efectivos polo que non se entende que se destine un diñeiro que axudaría a paliar esta carencia para o pago de facturas de gasto corrente que xa ten que estar previsto. 

A Corporación Municipal reunise o pasado xoves na sesión ordinaria do Pleno de xullo cunha orde do día na que o goberno do BNG e EU levou un recoñecemento extraxudicial de crédito. Esta figura lévase a pleno para pagar facturas atrasadas, dos anos 2022 e 2023, que, por diversos motivos, non se pagaron no seu día. Neste punto, Joaquín Ayala, cuestionou tamén esta práctica que se reserva para contadas ocasións e que xa está a ser habitual para este goberno do BNG e EU, e que se podería evitar cunha boa xestión económica. 

Ademais, o voceiro socialista reprobou que o goberno renuncie a presentar para a súa aprobación os orzamentos municipais deste ano, e considerou que é un síntoma máis da incapacidade do goberno local que dá xa por amortizado este ano. O goberno de BNG e EU está cos orzamentos prorrogados do ano 2022 (12,2 millóns de euros) coa agravante de que este ano hai 1,7 millóns de euros menos debido ao déficit resultante do exercicio económico de 2023, ano en que o BNG e EU gastaron ese importe de máis. 

Xa na quenda de rogos e preguntas, o Grupo Municipal Socialista demandou ao goberno local a revisión dos sinais luminosos dos pasos de peóns, así como expuxo varias deficiencias urbanísticas demandadas pola veciñanza, como o arranxo das escaleiras do Parque do Pallaso, demandado polo PSOE hai varios meses e que aínda seguen sen estar reparadas. 

Tamén demandou a presentación das ordenanzas das plusvalías e dos caixeiros automáticos que o goberno do BNG e EU asegurou hai catro meses que estaban xa case listas e seguen sen presentarse a Pleno. Entre outras demandas dos socialistas tamén se mencionou a petición, realizada hai uns meses e non atendida polo goberno local, de que a oferta de escolas deportivas e culturais se fixese ao mesmo tempo para que os pais e nais puidesen elixir as actividades dos seus fillos e fillas con toda a información dispoñible para poder organizarse mellor.