O voceiro do Grupo Municipal Socialista afirmou no Pleno do mes de xuño que o concello de Fene está paralizado no sector da construción e reclamou a revisión do PXOM á que se comprometeron todos os partidos en campaña electoral.
O vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Fene foi aprobado en 1975, revisado posteriormente nos anos 1985 e 2002, sen que desde entón se fixese máis que revisións parciais e puntuais que non solucionan o problema de parálise que, segundo asegurou o voceiro do Grupo Municipal Socialista, Joaquín Ayala, afecta ao sector da construción na área fenesa.
Ayala interveu no pasado pleno municipal do mes de xuño para instar ao goberno do BNG e EU a que poña en marcha de forma urxente a revisión do PXOM, tal e como se comprometeron todas as candidaturas na campaña electoral das pasadas eleccións municipais. Transcorrido un ano desde entón, o PSOE considera que xa houbo tempo suficiente para cumprir co prometido e así llo demandou ao goberno local.
O concello de Fene ten no seu PXOM unhas áreas definidas como APEs, que abranguen máis de 380.000 metros cadrados, que son as que están cercenando as posibilidades de crecemento e de desenvolvemento do municipio e que está a provocar que moita xente nova teña que irse a concellos limítrofes pola escaseza de vivendas en Fene.
O concelleiro do BNG de Urbanismo e Vivenda, Manuel Polo, concordou con Ayala en que efectivamente había ese compromiso e xustificou que non se fixese nada aínda alegando que había “un problema co persoal do Concello”.