O candidato socialista de Fene, Joaquín Ayala, recibiu onte nas inmediacións do Centro de Saúde de Fene, a José Ramón Gómez Besteiro, actual Delegado do Goberno en Galicia, quen acudiu ao concello en calidade de militante.
Ayala e outros membros da candidatura socialista puideron trasladarlle a Besteiro e a Bernardo Piñeiro, secretario Xeral do PSdeG Provincial da Coruña, algúns dos principais problemas que preocupan aos veciños e veciñas de Fene. Así, Ayala explicou que ano medio despois de saberse da construción dun novo centro de saúde en Fene, o Goberno Municipal aínda non dispuxo dos terreos, único requisito que ten que cumprir. Ademais, a comitiva achegouse ás beiras do río Cádavo ao seu paso por Perlío, onde se producen continuas inundacións sen que o Concello sexa quen de poñer unha solución.
Ademais, o candidato socialista informoulle da problemática existente co PXOM e coas APEs que impiden o desenvolvemento do pobo e da ausencia de auga potable na parroquia de Magalofes, entre outros temas de máximo interese. Logo da visita ao río, Besteiro trasladouse á sede da Agrupación fenesa na Avenida Naturais na que se reuniu con militantes.