Joaquín Ayala, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía do Concello de Fene, mantivo unha reunión con membros da Asociación de Veciños de Limodre para escoitar as súas inquedanzas.
Desde a Asociación demandaron a construción de beirarrúas para evitar os perigos para os peóns, que se coide e protexa o patrimonio, lavadoiros e fontes, así como o patrimonio natural mantendo en bo estado os sendeiros. Tamén pediron dar solución ao acceso ás praias nos meses de verán, entre outros temas que se trataron na xuntanza.
A representación da candidatura socialista informoulles do Plan para poñer en valor as entidades sociais, culturais e deportivas e tamén as entidades veciñais, todas elas verdadeiros motores da vida social e cultural do concello, segundo asegurou Ayala.