O candidato do Partido Socialista en Fene, Joaquín Ayala, comprometeuse esta mañá coa xerenta de “Solo Empresarial do Atlántico, SEA”, Beatriz Sestayo, á creación dunha mesa permanente de colaboración institucional, conformada polo Concello, SEA-Sepes e os representantes das entidades veciñais, para propiciar o desenvolvemento de vivenda pública e o impulso ao polígono e á industria da localidade.
Desde SEA propúxose con anterioridade a creación desta Mesa unha vez que se celebren as eleccións municipais, como un ente que propicie a colaboración permanente co goberno local democraticamente elixido nos próximos comicios.
Beatriz Sestayo agradeceu a proposta do candidato do Partido Socialista, que permitiría mellorar a colaboración entre administracións.
Pola súa banda, o candidato do Partido Socialista lamentou que o actual goberno local desaproveitase, estes últimos anos, as enormes posibilidades de colaboración que existían con respecto aos terreos dispoñibles de Sepes en Fene, tanto para o desenvolvemento de vivenda pública como para impulsar a industria e a economía. Lembrou que aínda se está á espera de que o Concello achegue a documentación urbanística que se comprometeu a remitir a SEA-Sepes.
Solo Empresarial do Atlántico
“Solo Empresarial do Atlántico”, dependente nun 83,44% do Ministerio de Transportes, xestiona en Galicia 13 parques empresariais, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados.
Están situados nas provincias de Lugo –Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade—, da Coruña –Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo— e de Pontevedra –Vilanova de Arousa e Catoira-.
“Solo Empresarial do Atlántico”, S.L., S.M.E., é unha sociedade participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (https://www.mitma.gob.es/) a través de Sepes; nun 14,91% pola Xunta de Galicia e nun 1,65% por ABANCA.