A Agrupación socialista de Fene non impedirá un goberno de esquerdas no Concello de Fene. Como resultado das eleccións municipais, o Concello de Fene configúrase con sete concelleiros do BNG; seis do PP, tres do PSOE e un de EU. Ao non haber ningún partido con maioría absoluta, gobernará o partido co maior número de votos dos concelleiros elixidos, no acto de constitución e investidura que se celebrará mañá, sábado, 17 de xuño, no salón de Plenos do Concello ás 12:00 horas.
Nesta tesitura, a militancia do PSOE de Fene, reunida en asemblea, tomou a decisión de manter a súa candidatura e votarse a si mesmos no pleno de mañá co que se facilita un goberno de esquerdas no Concello de Fene.
Así se lle fixo saber ao BNG nas reunións mantidas estes días. Nestas xuntanzas evidenciouse a necesidade de abrir unha nova etapa de entendemento para garantir un goberno progresista en Fene co único obxectivo de mellorar a vida dos veciños e veciñas deste Concello.