O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu a sesión de constitución e investidura do Concello de Fene. Nun salón abarrotado de público con xente de pé ata na entrada do edificio, a sesión transcorreu coa normalidade democrática que debe caracterizar estas cerimonias.
A secretaria municipal abriu o acto lendo os resultados das pasadas eleccións municipais que levan a que o BNG, como forza máis votada, acade sete edís; o PP, seis, o PSdG-PSOE, tres e EU, un. Acto seguido constituíuse a mesa de idade, presidida polo edil electo de maior idade, que lle correspondeu a Joaquín Ayala, candidato do PSOE. Un a un tomaron posesión do seu cargo os restantes concelleiros e concelleiras, logo de comprobar as credenciais e as declaracións de incompatibilidades.
A continuación, procedeuse á votación do alcalde. O PSdG-PSOE de Fene, tal e como se decidiu en asemblea da militancia socialista fenesa, votou polo seu propio candidato, polo que saíu elixido Juventino Trigo, do BNG, cos seus votos e o de EU, fronte aos seis do PP e aos tres do PSOE.
Joaquín Ayala, como presidente da mesa de idade, entregoulle o bastón de mando ao novo alcalde de Fene, Juventino Trigo, quen abriu unha rolda de intervencións dos candidatos. Na súa quenda, Ayala agradeceu a asistencia ao público da sala así como as persoas que votaron polo socialismo nestas eleccións e comprometeuse a traballar por cumprir o programa socialista neste mandato pola benestar e mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Fene.