En este momento estás viendo O PSOE consegue desbloquear o futuro urbanístico de Fene logo de máis de vinte anos co actual PXOM

O PSOE consegue desbloquear o futuro urbanístico de Fene logo de máis de vinte anos co actual PXOM

  • Autor de la entrada:
  • Categoría de la entrada:Novas
  • O PSOE de Fene vén de conseguir desbloquear un dos grandes retos pendentes do municipio como é a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), unha demanda histórica dos veciños e veciñas e unha prioridade para garantir o futuro desenvolvemento de Fene.

 

A Corporación municipal de Fene aprobou hoxe nun pleno extraordinario a licitación do contrato para a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal, PXOM, dando así o primeiro paso dun proceso decisivo para abrir Fene ao crecemento, facilitar o acceso á vivenda e frear a perda de poboación que sofre o concello desde hai anos.

Este importante avance foi posible grazas ao traballo e á firmeza do Grupo Municipal Socialista de Fene, que acadou en marzo un acordo co goberno local de BNG e EU para facilitar a aprobación dos orzamentos de 2026 a cambio dunha serie de compromisos estratéxicos para o municipio. Entre eles, como principal prioridade, figuraba o inicio inmediato da revisión do PXOM neste mesmo ano.

A voceira municipal socialista, María Ares, valorou este avance como “un logro histórico para Fene e unha mostra de que o traballo serio, responsable e útil do PSOE dá resultados”. Ares destacou que “o PXOM é a ferramenta máis importante para ordenar o territorio, planificar o crecemento urbano, protexer o patrimonio e o medio ambiente, impulsar a actividade económica e mellorar as infraestruturas” polo que “o que se decida neste proceso afectará directamente á vivenda, ás comunicacións, ás zonas industriais, aos servizos públicos, aos espazos verdes, aos equipamentos e ás oportunidades de desenvolvemento do municipio. En definitiva, estamos falando de decidir como queremos que sexa Fene no futuro”.

Grazas ao impulso do PSOE, o goberno local de BNG e EU asumiu finalmente a necesidade de revisar un planeamento urbanístico obsoleto que leva décadas lastrando o desenvolvemento de Fene. O actual PXOM aprobado en 2003, converteuse nun freo para a construción de vivenda e para a fixación de poboación. A día de hoxe dáse o paradoxo de que existen terreos dispoñibles no municipio, pero as restricións urbanísticas impiden construír vivendas, obrigando a moitas familias e persoas mozas a marchar a outros concellos.

O acordo promovido polo PSOE establece ademais un cronograma claro, con prazos definidos e dotación económica específica para garantir que o proceso avance con seriedade e sen máis demoras. O calendario activarase unha vez se adxudique o contrato que se somete á licitación, fixándose un prazo máximo de catro anos, prorrogables un ano máis, para presentar ter un novo PXOM que defina o futuro desenvolvemento do concello. O orzamento base de licitación do contrato para os catro anos previstos de execución é de 272.435 euros.

“Fene non podía seguir perdendo oportunidades nin expulsando veciñanza pola falta de vivenda. Este acordo permite abrir unha nova etapa para o noso concello, pensando no futuro, na mocidade e no desenvolvemento económico e social”, sinalou a voceira socialista. Con este paso histórico, o PSOE de Fene cumpre cunha reivindicación que a veciñanza leva anos reclamando.