En este momento estás viendo O PSOE de Fene denuncia os problemas no Servizo de Axuda no Fogar e pide control ao goberno local

O PSOE de Fene denuncia os problemas no Servizo de Axuda no Fogar e pide control ao goberno local

  • Autor de la entrada:
  • Categoría de la entrada:Novas

O Grupo Municipal Socialista de Fene levou ao último Pleno municipal, que tivo lugar na tarde de onte, a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de dependencia, unha cuestión que considera “da máxima importancia” polo impacto directo que ten na vida diaria das persoas usuarias e das súas familias.

Segundo desvelou a voceira municipal, María Ares, distintos veciños e veciñas trasladáronlles a súa preocupación polos atrasos de máis dun ano no cobro das facturas do servizo. “Somos coñecedores dun caso no que o pasado 29 de abril se lle pasou ao cobro o recibo correspondente a febreiro de 2025, é dicir, con máis dun ano de atraso”, denuncian.

Desde o PSOE de Fene sinalan que, cando as familias solicitan explicacións á empresa prestadora do servizo, esta atribúe a situación a problemas administrativos do Concello. “Calquera podería pensar que ao Concello non lle fan falta os cartos”, ironizan.

Os socialistas tamén alertan da falta de estabilidade na atención ás persoas dependentes. Segundo indican os propios usuarios, existen continuos cambios de horarios e de persoal, chegando nalgunhas ocasións a que unha mesma persoa sexa atendida por ata sete traballadoras diferentes ao longo dunha semana.

“Estamos falando de persoas moi maiores e en situación de vulnerabilidade, que precisan rutinas e referentes claros para manter o seu equilibrio físico e emocional”, remarcou María Ares, que asegura ademais que tamén se produciron situacións nas que o servizo non se prestou sen aviso previo.

Por todo isto, o PSOE de Fene reclamou ao goberno municipal de BNG e EU que realice “un control, supervisión e seguimento rigoroso” do funcionamento do SAF, garantindo “unha atención digna, estable e de calidade”, tanto no ámbito asistencial como no económico e administrativo.

 

Supervisión das obras

Ademais, os socialistas tamén pediron ao executivo local unha mellor supervisión das obras que se realizan nas estradas e vías municipais. Segundo denuncian, nalgunhas ocasións arránxanse rúas que poucos días despois volven ser abertas, quedando os remates en malas condicións e con baches.

Como exemplo, citan a Avenida Marqués de Figueroa, en Perlío, e a rúa da Brea, en Barallobre, onde consideran que os traballos realizados presentan deficiencias visibles pouco tempo despois da súa execución.