En este momento estás viendo O PSOE de Fene reclama explicacións sobre o proxecto da pasarela de Perlío sobre a vía do tren e a situación do SAF

O PSOE de Fene reclama explicacións sobre o proxecto da pasarela de Perlío sobre a vía do tren e a situación do SAF

  • Autor de la entrada:
  • Categoría de la entrada:Novas

O Grupo Municipal Socialista de Fene aproveitou o Pleno ordinario celebrado onte para trasladar ao goberno local varias preocupacións relacionadas coa seguridade, os servizos públicos e a información á cidadanía, reclamando explicacións e medidas concretas en asuntos que consideran prioritarios para a veciñanza.

A pasarela sobre a vía do tren en Perlío

Os socialistas volveron poñer sobre a mesa a necesidade de construír a pasarela peonil sobre as vías do tren entre Marqués de Figueroa e O Cruceiro, en Perlío, unha infraestrutura que consideran fundamental para garantir a seguridade das persoas que continúan cruzando as vías poñendo en perigo a súa seguridade.

Desde o PSOE lembraron que se trata dun proxecto impulsado durante o goberno do socialista Iván Puentes, que deixou encamiñado un convenio co Ministerio de Fomento para facer posible a actuación. Segundo sinalaron, ao longo dos últimos anos sucedéronse diversos anuncios por parte do actual goberno municipal sobre o suposto desbloqueo do proxecto, pero sen que se producisen avances visibles.

Os concelleiros socialistas recoñeceron que existen procedementos administrativos complexos, pero insistiron en que o Concello debe exercer un papel activo para impulsar unha actuación que prioritaria para Fene.

Preocupación pola situación do Servizo de Axuda no Fogar

O PSOE tamén insistiu na situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) tras recibir novas queixas de usuarios e familiares.

Segundo trasladaron no Pleno, continúan rexistrándose problemas relacionados con cambios constantes de horarios, elevada rotación do persoal e falta de estabilidade na atención prestada ás persoas usuarias. Ademais, sinalaron que seguen existindo escritos presentados no Rexistro municipal denunciando estas circunstancias.

Os socialistas preguntaron tamén polos motivos do atraso na cobranza das facturas aos usuarios do servizo. Segundo indicaron, no Boletín Oficial da Provincia do pasado 11 de maio publicouse a cobranza correspondente ao mes de marzo de 2025, o que supón máis dun ano de demora.

Por outra banda, expresaron a súa preocupación por informacións recibidas de distintas usuarias segundo as cales se lles estaría solicitando a sinatura de novos contratos cun número de horas inferior ao inicialmente concedido, a pesar de manter as necesidades que xustificaron a concesión. O Grupo Socialista pediu explicacións ao respecto e reclamou ao goberno local un maior control sobre a prestación do servizo para garantir que se atende adecuadamente ás persoas beneficiarias.