O Grupo Municipal Socialista de Fene insistiu no pleno ordinario do mes de xuño en que o Concello se responsabilice da limpeza de maleza das cunetas e dos espazos públicos e supervise que se limpan as fincas privadas ante o risco de incendio por un verán cálido como o que estamos tendo.
Nun contexto de veráns cada vez máis secos e temperaturas máis elevadas, a prevención é a ferramenta máis eficaz para protexer as persoas, as vivendas e o patrimonio natural do municipio.
Por iso, os socialistas apoiaron o obxectivo do bando municipal sobre a xestión da biomasa na loita contra os incendios forestais, pero reclamaron que esa prevención debe comezar por ofrecer á veciñanza información clara, accesible e sen ambigüidades sobre as súas obrigas. Consideran que moitos propietarios teñen dificultades para saber se as súas parcelas están afectadas polas franxas de protección, debido ao uso de referencias técnicas e urbanísticas que non sempre resultan fáciles de interpretar.
Desde o PSOE lembraron ademais que a limpeza de parcelas e a presenza de biomasa acumulada constitúen unha das reclamacións máis frecuentes que recibe o Concello a través do Rexistro municipal, con numerosas queixas de veciños e veciñas que demandan actuacións ante fincas sen limpar. Por iso consideran fundamental que a administración local non se limite a publicar un bando, senón que desenvolva unha verdadeira campaña informativa que permita resolver dúbidas e facilitar o cumprimento das obrigas establecidas pola normativa.
